Sanxenxo pasa exame aos seus 'vixiantes da praia'
Por Redacción
A praia de Silgar acolleu á primeira hora deste sábado as probas de selección para o persoal que conformará no verán o servizo de vixilancia nos areais do municipio.
Foron un total de 55 socorristas e 12 sanitarios os candidatos para entrar na bolsa de emprego que se creará este ano e á que recorrerá o o Concello en función das necesidades do servizo.
Cada aspirante pasa agora a figurar na lista en función da puntuación obtida nas probas, físicas e teóricas. No aspecto físico consistiron en correr 200 metros pola area co material de salvamento (aletas e salvavidas), nadar 800 metros e completar outros 200 metros de carreira na praia.
Pola súa banda o exame teórico versaba sobre o coñecemento en primeiros auxilios e sobre asuntos relacionados co salvamento acuático. Ademais comprobouse o coñecemento da proba de reanimación cardio-pulmonar básica para as persoas que optan aos postos de sanitarios.
O Concello de Sanxenxo manterá este ano as condicións económicas, cun soldo de 1.200,06 euros brutos para socorristas e sanitarios e de 1.441,11 euros para os xefes de posto.
Os contratos do servizo de vixilancia en praias terán entre dous e tres meses de duración.
Relacionadas:
-
Areas, Silgar, Canelas e Montalvo contarán con socorristas desde este venres
Por Oskar Viéitez |
-
Costas autoriza a instalación de trece quioscos en nove praias de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo inicia o proceso de selección de socorristas e sanitarios para as súas praias
Por Redacción |
-
A Federación de Salvamento formará a socorristas en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |