Areas, Silgar, Canelas e Montalvo contarán con socorristas desde este venres
Por Oskar Viéitez
A partir deste venres as praias de Areas, Silgar, Canelas e Montalvo contarán con socorristas. Supón un adianto de quince días con respecto ao verán de 2016. Ademais de cubrir os postos das catro praias máis concorridas, o servizo de salvamento contará cunha embarcación que vixiará o litoral desde a praia de Areas ata A Lanzada.
A intención do goberno bipartito de cara ao ano que vén é que as praias máis concorridas conten co servizo de salvamento e socorrismo desde o 1 de xuño.
Este mércores incorporáronse 30 socorristas, que este xoves están a colaborar na colocación de cadeiras de vixilancia, módulos e outros equipamentos das praias.
O venres estarán a ocupar os seus postos de salvamento e socorrismo. A partir do 1 de xullo incorpóranse os socorristas do resto das praias.
O Concello creou unha bolsa de socorristas ás que se pode apuntar todo o que o desexe. Os socorristas que presten servizo este verán nas praias de Sanxenxo terán máis posibilidades de ser contratados o ano que vén, cando o goberno ten a intención de mellorar substancialmente o soldo e o tempo de contratación dos mesmos.
POSTA A PUNTO DE PRAIAS
A concellería de Medio Ambiente e a de Mantemento e Servizos está a realizar esta semana os traballos de acondicionamento dos accesos ás praias do Concello para a tempada estival.
Ata o momento, a motoniveladora e as máquinas rozadoras xa pasaron pola Lanzada, A Lapa, Areas Gordas, Foxos, Major, Pragueira, Bascuas e Canelas. Ademais, acondicionouse a entrada á capela da Lanzada.
Ademais, a próxima semana procederase á instalación das pasarelas de acceso ás praias, xa que como sinala o concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, "estas pasarelas permiten que todas as persoas que se acheguen ás nosas praias, e especialmente aquelas con problemas de mobilidade, teñan un acceso fácil e cómodo e que dispoñan en todo momento dos servizos necesarios".
Estas concellerías están a ter un bo ritmo de traballo e poderán cumprir o prazo establecido de ter os accesos listos para o día 20.
Relacionadas:
-
Os socorristas atenderon en xullo 507 picaduras de fanecas nas praias de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo reforza a brigada de limpeza de praias coa contratación de 15 persoas
Por Redacción |
-
Telmo Martín reforzará o persoal dos servizos sociais e os socorristas
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo pasa exame aos seus 'vixiantes da praia'
Por Redacción |
-
O PP lamenta que o Concello de Sanxenxo non recupere as bandeiras azuis de Areas e Caneliñas
Por Redacción |
-
Sanxenxo inicia o proceso de selección de socorristas e sanitarios para as súas praias
Por Redacción |