O "bo ambiente" entre sectores, clave para acelerar a ordenanza de terrazas
Por Alejandro Espiño
O Concello recoñece que pensaba atopar "problemas" na tramitación da nova ordenanza de terrazas e veladores polo "complexo" que pode resultar esta cuestión. Pero non foi así. Celebran o "bo ambiente" que se deu en todos os encontros celebrados ata a data. "Están a ser altamente positivos", dixo Anabel Gulías.
Os últimos en expresar a súa opinión respecto diso serán as federacións de asociacións de veciños, que están citados na Casa da Luz o vindeiro luns 15 de maio.
A edil de Promoción económica destacou o clima de "colaboración e entendemento" que mostraron ata agora os hostaleiros, os comerciantes e colectivos que traballan o ámbito da discapacidade. "Todo o mundo está disposto a ceder e a dar", sinalou.
Os sectores consultados "coinciden" na importancia das terrazas para a actividade económica e social da cidade, pero tamén que se debe garantir que o ámbito público "sexa un espazo de convivencia".
Esa foi a principal preocupación mostrada por representantes das asociacións Cogami, Amencer-Aspace e ONCE, na reunión que mantiveron con Anabel Gulías.
Reclamaron a necesidade de que existan itinerarios libres de terrazas ou que, entre outras medidas, se aplique un mínimo de 1,50 metros para poder transitar sen obstáculos na vía pública, para facilitar o paso das persoas con mobilidade reducida ou discapacidade visual.
Finalizada a rolda de contactos, segundo a concelleira nacionalista, redactarase un borrador da ordenanza que será remitido a todos os colectivos implicados para a súa avaliación final.