Dous controis da Policía Local detectan doce irregularidades en vehículos de transporte de mercadorías
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Dous controis da Policía Local detectaron un total de doce infraccións nos servizos de transporte de mercadorías que atravesan a cidade.
Nestes operativos, realizados na avenida de Compostela (7 de abril) e na avenida de Uruguai (3 de maio) en coordinación co servizo de Mobilidade da Xunta de Galicia, os axentes controlaron 85 vehículos destinados ao transporte de mercadorías.
De todos eles, 40 foron detidos para realizar unha inspección exhaustiva da carga, da documentación do vehículo, dos elementos de seguridade, dos accesorios obrigatorios ante emerxencias ou para o mantemento das condicións óptimas no transporte de alimentos, entre outras.
Os axentes detectaron neles nove infraccións á normativa de transportes: tres vehículos por exceso de peso, dous por carecer de extintor e un camión que transportaba mercadorías perigosas, que non dispoñía dos accesorios obrigatorios que debe levar para os casos nos que se produza un accidente coa mercadoría que transporte.
Ademais, un condutor alterara o disco do tacógrafo, un por non levar separadores de carga, un por non ter disco no tacógrafo e un por cartón de transportes.
As outras tres denuncias referíanse a un condutor que tiña o carné de conducir caducado, un por irregularidades coa ITV e ao condutor dun autobús por utilizar un teléfono móbil mentres conducía.
A Policía Local advirte que estes controis, programados e coordinados coas administracións competentes, volverán repetirse en xuño.
31 INFRACCIÓNS EN 2016
Segundo recolle a memoria da Policía Local, en 2016 controláronse un total de 125 vehículos destinados ao transporte de mercadorías. Neles, os axentes detectaron 31 infraccións.
A maior parte foi por non acreditar relación contractual coa empresa (12), por carecer de cartón de transporte (9) ou por non ter documentos de control (4).
Ademais, tamén se inspeccionaron 22 vehículos de transporte escolar, cuxos condutores cometeron dúas infraccións. Ambas foron por cuestións de documentación.