A Xunta completa a reforma integral da escola infantil do Grove
Por Redacción
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, comprobou este luns o resultado das obras de mellora levadas a cabo na escola infantil do Grove, nas que se investiron máis de 500.000 euros e que na práctica supuxeron a reforma integral deste centro que dá servizo ás familias de 74 nenos de entre 0 e 3 anos de idade.
"A Xunta ten como obxectivo que os centros destinados á infancia sexan as mellores instalacións posibles", sinalou o conselleiro tras percorrer o equipamento en compañía do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e de persoal da escola.
Os traballos consistiron na reposición completa da cuberta, o cambio de todo o frontal do edificio con instalación de carpintería de aluminio en cada aula, a creación dun novo espazo de usos múltiples do que carecía a escola, a instalación dun teito na entrada para facilitar a chegada e saída dos pais e o acondicionamento das aulas.
A pesares da complexidade da actuación se puido executar en soamente seis meses, aproveitando ademais o período de verán e as vacacións do alumnado para reducir ao máximo os días de peche do centro e avanzar máis rápido no seu desenvolvemento.