72 empresas pontevedresas facilitan 155 empregos a persoas en risco de exclusión
Por Redacción
O programa de integración laboral da Obra Social "La Caixa" Incorpora facilitou 155 postos de traballo a persoas vulnerables ao longo de 2016 en Pontevedra. Isto foi posible grazas á implicación de 72 empresas pontevedresas neste proxecto de responsabilidade social corporativa.
En Pontevedra, a Fundación Érguete-Integración desenvolve o programa de integración laboral que se dirixe prioritariamente a persoas con discapacidade, parados de longa duración, exreclusos, inmigrantes, mozas en risco de exclusión e vítimas da violencia de xénero, entre outros colectivos.
O obxectivo principal é construír pontes entre as empresas e as entidades sociais que se dedican á integración laboral para crear un clima de entendemento que se traduza en oportunidades para os máis desfavorecidos como mecanismo para combater a súa exclusión social.
Das 155 insercións realizadas durante o pasado ano, 79 foron de mulleres e 76 de homes. Ademais, 34 destas insercións foron de persoas con algunha discapacidade, e 121 de persoas en risco ou situación de exclusión.