O deporte non mata, a imprudencia si
Por Redacción
Estreitar lazos entre deporte e saúde desde unha óptica multidisciplinar foi un dos propósitos centrais do XIII Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e a Saúde, que esta semana reuniu a investigadores de diferentes países, profesionais e estudantes no Pazo da Cultura de Pontevedra.
O evento completouse coa presentación de máis dun centenar de investigacións, así como coa participación de preto de 30 expertos nas diferentes conferencias e seminarios.
Expertos como o xefe dos servizos médicos do Boca Juniors arxentino, Guillermo Bortman, que segundo recolle o Diario da Universidade de Vigo, alertou na conferencia inaugural dos riscos para a saúde que pode supor realizar actividade física de xeito imprudente, xa que o deporte pode ser "un disparador" de problemas para a saúde naqueles casos de persoas con problemas cardiovasculares, que "teñen dez veces máis risco de morte que unha persoa sa que faga a mesma actividade".
O deporte pode ser "un disparador" de problemas para a saúde
"O deporte mata? " era o título da conferencia coa que Bortman abriu este congreso, que iniciou relatando os múltiples beneficios que a actividade física ten para a saúde das persoas. Mais tamén, lembrando que en España falecen "aproximadamente uns 130 atletas de morte súbita cada ano, moitos deles persoas que teñen unha patoloxía cardiovascular previa e que se lanzan a facer deporte sen chequeos e controis".
De aí que o xefe médico de Boca Juniors aludise no seu relatorio a diferentes estudos que constatan que para "aquelas persoas que teñen un problema cardiovascular e non o saben, o deporte termina sendo vez veces máis perigoso".
Poñer de relevo que o que mata é "a neglixencia e a imprudencia das persoas" era o obxectivo dunha conferencia na que incidiu en diferentes problemáticas, como o consumo substancias dopantes, que se subministran ao deportista "para sacar vantaxe competitiva, pero que moitas delas supoñen tamén un risco para a saúde mesma", como podería ser o caso da EPO, unha hormona produtora de glóbulos vermellos que protagonizou varios casos de dopaxe no ciclismo e que supón "un risco de trombose".
Bortman aludiu tamén ao falecemento "sen explicación", en 2015, de doce ex xogadores de entre 45 e 65 anos da NBA, unha liga que"na época na que eles xogaban non contaba con ningún tipo de control antidoping".
Con este exemplo o conferenciante quería poñer de relevo que, máis aló da morte súbita, o uso deste tipo de substancias "ten consecuencias para o resto da vida". De aí que incidise na importancia da loita contra o dopaxe, así como da necesidade de realizar controis médicos que permitan as persoas realizar unha actividade física adecuada ás súas características e estado de saúde.