O Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e a Saúde, unha cita consolidada que chega á súa décimo terceira edición
Por Redacción
O Pazo da Cultura de Pontevedra converterase un ano máis en punto de encontro de estudantes e profesionais do ámbito deportivo e sanitario no XIII Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e a Saúde.
A cita reunirá a preto de 300 persoas do 27 ao 29 de abril coa máxima de considerar "a actividade física como un medicamento", sinalou o responsable da organización Víctor Arufe na presentación do congreso.
Será un punto de referencia investigador, ao estar prevista a presentación dun cento de traballos de investigación.
A programación conta con 16 conferencias "con ponentes de carácter nacional e internacional", como o director dos servizos médicos do Boca Juniors arxentino, que repite presenza en Pontevedra, ou o profesor e doutor Domingo Blázquez (INEF de Cataluña). Ademais organizaranse dúas mesas redondas sobre a proposta de ampliar a cinco horas o tempo destinado á actividade física na escola e ao traballo en equipo dentro do ámbito sanitario e da recuperación.
O evento conta cun enfoque multidisciplinar unindo a profesionais do deporte e a educación física e de ámbitos sanitarios como a medicina, enfermaría, psicoloxía ou nutrición.
As inscricións permanecerán abertas ata o 21 de abril na web www.sportis.es.