O novo porto deportivo está chamado a revitalizar a illa da Toxa
Por Oskar Viéitez
Construído polo Club Náutico Isla de la Toja cun investimento de 1,2 millóns de euros, o novo porto deportivo da illa grovense está xa terminado. Esta infraestrutura está chamada a revitalizar a vida deste enclave turístico.
Esta iniciativa privada foi financiada mediante contratos de cesión de uso a longo prazo aos socios do club e a través do aluguer de prazas.
O día 16 de outubro de 2013 constituíuse o Club Náutico Isla de la Toja CNIT, unha iniciativa dun grupo de amigos, asiduos da illa, "co obxecto de cubrir unha demanda non satisfeita de servizos, formación e entretemento baseados na náutica deportiva nunha contorna incomparable para o seu desenvolvemento, ademais de recuperar do abandono as instalacións existentes".
Na actualidade o club conta con 30 socios propietarios do dereito de uso das instalacións náutica.
As instalacións estarán plenamente operativas o próximo verán, dando cabida así a medio centenar de embarcacións de recreo de entre 8 e 18 metros de eslora.
BEACH CLUB
Un ano máis tarde, para o 2018, espérase a estrea da reforma proxectada no Beach Club, igualmente asumida economicamente pero neste caso polos socios do Club de Golf La Toja despois da compra das instalacións por 720.000 euros .