A asociación de Mulleres Rurais de Ponte Caldelas está de mudanza
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A asociación de Mulleres Rurais de Ponte Caldelas estreou esta semana o novo local, cedido polo Concello no pavillón municipal, onde a partir de agora vai despregar a súa ampla actividade cultural, formativa e de lecer.
O goberno local apoia deste xeito a un dos colectivos máis dinámicos de Ponte Caldelas, pois Mulleres Rurais desenvolven actividades tan variadas como cursos de costura, encaixe de bolillos, pilates, cestería, excursións, andainas, charlas e conferencias. No seu haber figuran tamén as subvencións que tramitan anualmente diante da Deputación para financiar outras actividades ou a asistencia anual á feira de Vila Nova de Cerveira.
Sen embargo, un dos seus principais signos de distinción é o grupo de teatro, que xa representou tres obras, e actualmente ten en cartel "O anel máxico".
A asociación abandona a Casa do Pobo de Cuñas, onde ata o de agora estaba aloxada, e pasa a dispor dun local gratuíto, evitando así o pago da cota que anteriormente satisfacían para colaborar cos gastos xerais.
O local municipal, que anteriormente acollía as clases dos obradoiros, foi acondicionado polas propias Mulleres Rurais coa colaboración do Concello. Conta xa con instalación de fontanería e só falta dotalo dalgúns elementos.