A Fiscalía pide seis anos para un vilagarcián por ameazar cunha pistola a un cliente dun bar
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia sinalou para o vindeiro martes 2 de maio o xuízo contra un vilagarcián acusado dos delitos de ameazas, tenencia ilícita de armas, contra a saúde pública e receptación.
O ministerio público pide que sexa condenado a seis anos e nove meses de prisión.
Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Fiscalía e a defensa legal do acusado están a negociar un acordo de conformidade para rebaixar a petición de pena a cambio da confesión.
O escrito de acusación do ministerio fiscal apunta que este home, na madrugada do 23 de abril do pasado ano, tras manter unha discusión nun bar con outra persoa regresou cun arma de fogo. Foi reducido por varios clientes do establecemento e conducido á rúa, onde efectuou un disparo ao aire.
Ese mesmo día realizouse unha entrada e rexistro no seu domicilio onde se atopou cocaína presuntamente destinada á venda, así como obxectos roubados.