O CIM mellora as súas instalacións e trasládase á Casa Azul
Por Redacción
O Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra deixará á maior brevidade posible a súa ubicación actual no chalé de Fontoira para trasladarse á Casa Azul.
Segundo indicou a Concellaría de Igualdade, estanse a realizar obras no terceiro andar da Casa Azul para trasladar o servizo. A previsión é que o traslado será no vindeiro mes.
O traslado responde á intención municipal de mellorar as instalacións dun servizo que día a día recibe máis visitas e está a ser un referente no ámbito da muller na cidade. Na actualidade comparte espazos cos servizos sociais municipais en dous despachos que ocupan tres traballadores, con espazo insuficiente para poder desenvolver a actividade diaria.
As obras que xa comezaron permitirán habilitar dous despachos (un para a psicóloga e outro para a traballadora social), un aula de informática, unha biblioteca, espazos de formación, unha zona de reunións e espazos de traballo para o alumnado en prácticas, xa que o CIM de Pontevedra cada vez recibe máis peticións para facer prácticas e na actualidade ten unha alumna.
Dentro do obxectivo de poñer no primeiro plano da axenda política e social a igualdade, a concellaría quere crear un espazo para as mulleres, onde coexistan as actividades sociais, educativas e a de atención ás vítimas de violencia. Tamén se pretende dar un espazo para que poida reunirse o Consello da Muller Nova.