Un camión perde a súa carga e corta un acceso á AP-9 en Pontevedra
Por Redacción
Un dos accesos á autoestrada AP-9 en Pontevedra tivo que ser cortado este venres por un accidente de tráfico. Foi, en concreto, no carril de incorporación desde a PO-11.
Segundo informou o 112 Galicia, o corte produciuse despois de que un camión cargado de botellas perdese a súa carga por todo o viario.
Foi un particular quen avisou do accidente, ás 11.30 horas. O acceso estivo cortado durante un par de horas.
Ao lugar do sinistro desprazáronse os Bombeiros de Pontevedra e a Garda Civil de Tráfico.
Ademais, persoal de mantemento tivo que ser mobilizado para proceder á retirada das botellas e á limpeza da vía.