O sistema de calefacción dos colexios de Sanxenxo, principal demanda a Educación para o próximo curso
Por Redacción
O sistema de calefacción dos colexios O Cruceiro, Vilalonga e Florida de Sanxenxo e o seu mal funcionamento centraron esta semana a reunión celebrada entre a concelleira de Educación deste municipio, Sandra Fernández Agraso, e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares.
A responsable municipal puxo sobre a mesa as principais necesidades de investimento nos colexios de fronte ao próximo curso e pediulle que iguale os 55.000 euros que este ano gastou o Concello en obras de mantemento.
Segundo informou o Concello, ambos analizaron a posibilidade de implantar un FP de Turismo no IES de Vilalonga, unha petición que xa se trasladou oficialmente á Consellería de Educación e da que César Pérez Ares tiña constancia.
A concelleira pediu a Pérez Ares a implicación da Consellería de Educación para acometer obras maiores e para a mellora do sistema de calefacción. No colexio de Vilalonga, a Xefatura Provincial xa realizou un estudo do tema para que a calor chegue a todas as aulas, polo que Sandra Fernández demandou que se proceda a realizar as obras necesarias con moita brevidade. En idéntica situación está o CEIP Florida
En canto ao colexio Cruceiro, a concelleira de Sanxenxo solicitou ademais un estudo técnico da situación do centro así como un informe daquelas obras máis necesarias e prioritarias.
A edil de Educación tamén entregou ao xefe territorial unha copia dixitalizada do proxecto para a pista cuberta no CEIP de Nantes e trasladoulle que no colexio de O Telleiro é necesario habilitar un espazo como comedor escolar e acometer unha nova fase do cambio de xanelas,
No colexio Magaláns, o Concello procederá á realización das obras necesarias na Casa de Cultura anexa para habilitar unha zona de comedor escolar e para albergar o plan Madruga mentres que en Portonovo, prevese continuar co cambio de chan nas aulas de Infantil. No CEIP Florida, a intención é trasladar as aulas de Infantil ao primeiro edificio, o que require a realización de numerosas obras de pequeno tamaño e acondicionamentos de espazos.
Relacionadas:
-
Este luns remataron as obras para habilitar un comedor no colexio Magaláns
Por Redacción |
-
A choiva pospón as obras no patio do colexio de Portonovo
Por Redacción |
-
O novo centro educativo de O Revel, protagonista da reunión entre Cores Tourís e Gonzalo Pita
Por |
-
A posta a punto dos colexios de Sanxenxo xa rematou e custou 50.000 euros
Por Redacción |