Rescatan unha muller encerrada nun coche ao sol a 50 graos
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra tivo que rescatar este venres a unha muller de 50 anos que se quedou encerrada dentro do seu coche marca Volvo cando este estaba aparcado ao sol e, segundo puideron confirmar os axentes municipais, alcanzaba temperaturas no seu interior de ata 50 graos.
Segundo informou a Policía Local, todo ocorreu sobre as 15.10 horas deste venres na zona de aparcadoiro da avenida General Antero Rubín, no barrio de Campolongo. Unha muller chamou á Xefatura nun evidente estado de nerviosismo pedindo axuda porque non podía saír do coche e facía moita calor.
Unha patrulla policial desprazouse ao lugar e, utilizando unha peza específica para a apertura de portas, lograron liberar á muller, á vez que pedían a presenza no lugar dunha ambulancia do 061 ante a posibilidade de que necesitase asistencia sanitaria unha vez fose do coche. Finalmente, non foi necesaria a súa intervención.
Segundo relatou a muller á Policía Local, non é veciña da cidade, senón que se desprazou desde a súa localidade para realizar unha visita en compañía do seu marido. Ambos aparcaron o coche nesa zona de estacionamento e saíron do mesmo collendo direccións diferentes. No último momento, ela volveu entrar ao coche para recoller algo e, nese momento, o home pechou as portas utilizando o mando e seguiu o seu camiño sen darse conta de que a súa muller quedaba encerrada.
En canto foi consciente da situación, a muller colleu o seu teléfono móbil para pedir axuda ao seu marido, pero el tíñao apagado, de modo que se puxo moi nerviosa. Dado que a esa hora non pasaba ninguén polo lugar, acabou chamando á Policía Local, moi asustada porque a temperatura interior do coche ía subindo. Cando chegaron os axentes, roldaba os 50 graos.