Medio Rural destina 60.000 euros ao arranxo da estrada de Carrizáns
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Xunta aportará uns 60.000 euros para acometer a mellora da estrada de Carrizáns, cun traxecto superior a un quilómetro e vial de paso habitual para os veciños que van desde Antas ata O Peso-A Escuadra e que axuda a vertebrar as comunicacións internas deste municipio.
Así o confirmou o alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, tras a reunión mantida coa conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, na que o rexedor aproveitou a ocasión para trasladarlle á conselleira a petición dun camión motobomba para o Concello coa fin de facilitar os labores de intervención en materia de incendios forestais.
Na actualidade, o municipio carece deste vehículo despois de que, hai uns catro anos, se averiara por completo o camión que prestaba o servizo desde hacía uns 30 anos.
As previsións baralladas polo alcalde e a conselleira para afrontar a obra de mellora da estrada de Carrizáns situarían nos meses de verán a data idónea para o comezo dos traballos coa fin de dispoñer dunha climatoloxía favorable e poder actuar con garantías nun vial que se atopa seriamente danado polo paso continuo de vehículos e tamén de camións durante as obras de construción da ETAP.