Comeza a exposición dos traballos finalistas do concurso de carteis e fotografías da Festa da Troita
Por Redacción
Os concursos de carteis, fotografía e redacción da LI Festa da Troita entran na súa recta final. O xurado cualificador reuniuse este luns e seleccionou os tres carteis e as nove fotografías finalistas. Estes traballos, xunto co resto dos presentados, exporanse na Casa de Cultura e poderán ser votados polos veciños do municipio entre o mércores, día 5, e o próximo día 16.
O cartel e a fotografía gañadoras serán as que obteñan o maior número de votos, sempre que acaden un mínimo de 25. En caso de que non se acade esta cifra, a decisión tomarase en base ás puntuacións outorgadas polo xurado.
Os premios consisten en 400 euros para o mellor cartel e tres galardóns de 300, 200 e 100 euros, respectivamente, para as tres fotografías premiadas. Para poder votar é preciso estar empadroado en Ponte Caldelas e ter máis de 18 anos.
Pola súa banda, o concurso de redacción entre os alumnos dos colexios Cordo Boullosa e A Reigosa dilucidarase polos mestres, que serán os encargados de valorar os traballos presentados. Participaron alumnos de 5º e 6º de Primaria. Os primeiros clasificados recibirán o agasallo dunha tableta electrónica.
Un total de 160 traballos presentáronse ás tres modalidades deste concurso, que estimula a participación popular coa festa máis característica de Ponte Caldelas. Deles, 98 corresponderon ao concurso de redacción, 52 ao de fotografía e 10 ao de carteis.
O xurado destacou a boa calidade dos traballos presentados e apreciou a introdución de elementos identificativos de Ponte Caldelas nas propostas de carteis. No apartado de fotografías, o río Verdugo foi o absoluto protagonista, pois motivou a maior parte das imaxes, sen esquecer ao bosque de secuoias de Vilarchán e á nova escultura da troita.
Relacionadas:
-
A Festa da Troita xa ten cartel para a súa 51 edición
Por Redacción |
-
A xira promocional da Festa da Troita polas parroquias contará con 25 paradas
Por Redacción |
-
Nova data para a BTTroita, que terá continuidade cunha cuarta edición
Por Redacción |
-
A Festa da Troita busca o seu cartel para este ano
Por Redacción |