Cruz Vermella repartirá 21.000 manteis con mensaxe entre uns 70 establecementos hostaleiros da zona vella
Por Redacción
Coa fin de concienciar á cidadanía na diversidade no emprego e na igualdade de oportunidades, Cruz Vermella repartirá máis de 21.000 manteis individuais en máis de 70 establecementos hostaleiros situados na zona monumental de Pontevedra.
Esta campaña de sensibilización leva por título "As etiquetas, só para os produtos. Traballamos pola integración laboral de todas as persoas".
Con esta iniciativa Cruz Vermella pretende contribuír a superar as barreiras existentes para a contratación asociada ao xénero, a idade ou a orixe.
A campaña, que foi presentada este martes, inscríbese dentro do convenio de colaboración vixente asinado entre Cruz Vermella Pontevedra e o Centro Comercial Urbano Zona Monumental.
A ocasión foi aproveitada para poñer a disposición da cidadanía os servizos de emprego de Cruz Vermella en Pontevedra, cunha mensaxe dirixida a aqueles empresarios que necesiten contratar persoal para o seu establecemento para que non dubiden en contactar directamente con Cruz Vermella (986 852115), ou a través do CCU Zona Monumental, que "gratuitamente lle ofrecerán candidatos cualificados e cunha actitude moi positiva cara ao traballo".