O anticiclón sitúase nas Rías Baixas con temperaturas que alcanzarán os 24 graos
Por Redacción
A influencia anticiclónica sobre as Rías Baixas permanecerá instalada ao longo desta semana. Este luns, os ceos atoparanse pouco nubrados ou despexados, segundo a información facilitada polo servizo de Meteogalicia. As temperaturas mínimas situaranse sobre os 7 graos mentres as máximas alcanzarán os 22. Os ventos soprarán frouxos, de dirección variable pola mañá, cambiando a noroeste durante a tarde.
Este martes 4 de abril, as Rías Baixas permanecerán baixo a influencia das altas presións. Os ceos continuarán despexados cara á zona sur de Galicia mentres que no norte estarán cubertos con posibilidade dalgunha precipitación durante a mañá. As temperaturas situaranse entre os 8 e os 23 graos. O vento soprará de compoñente norte, moi frouxo pola mañá aumentando ao longo do día a unha intensidade moderada.
Xa o mércores, o anticiclón centrado en Irlanda deixará en Galicia unha xornada de tempo seco e estable, con vento do nordés. Os ceos continuarán despexados e temperaturas entre os 8 e os 24 graos.
A situación continuará na mesma liña para a Semana Santa.