Cando a maquinaria da Xustiza non está engraxada
Por Natalia Puga
O caso tardou máis de dez anos en xulgarse e cun resultado que non deixa en moi bo lugar o funcionamento do sistema xudicial. Dous homes detidos en febreiro de 2003 por estafas e falsificación non chegaron a xuízo ata este xoves. Foi na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra e aínda que os dous se sentaron no banco como acusados, un deles saíu absolvido porque, en realidade, xa fora xulgado e condenado por eses mesmos feitos no ano 2010 pola Audiencia de Madrid. O outro saíu condenado cun acordo de conformidade, pero o atraso inxustificado que sufriu a causa levou o fiscal a rebaixar de seis anos a 16 meses a pena solicitada para el.
O acusado finalmente absolvido foi Pedro León A.G., que se enfrontaba a un ano de prisión polos delitos de uso de documento oficial falso, uso de documento mercantil falso e estafa en grao de tentativa por un intento de fraude cometida en Coslada (Madrid). A falta de comunicación entre órganos xudiciais motivou que non chegase ningunha notificación á Audiencia de Pontevedra de que o home xa fora condenado e que na actualidade está a cumprir condena, precisamente, por estes feitos.
A avogada defensor deste procesado indicou aos medios de comunicación antes da entrada na sala que o seu defendido ten antecedentes por feitos similares e por delitos contra a saúde pública e que nestes momentos está a cumprir condena nun cárcere de Alicante. Foi o primeiro sorprendido cando o chamaron para este xuízo. A mesma sorpresa que se levou en 2010 cando, tras sete anos sen ter noticias deste caso, o chamou a Audiencia de Madrid para xulgalo. Tres anos máis tarde, repetiuse.
Fontes do caso sinalaron que no caso do outro procesado, Miguel Ángel García Rivas, está a cumprir condena en Las Palmas e tivo que ser trasladado ao centro penitenciario da Lama nos últimos días para asistir a este xuízo. No seu caso, a fiscal do caso modificou o escrito de conclusións provisionais engadindo unha referencia ao tempo trancurrido dende que aconteceron os feitos, un atraso de máis de dous anos "non imputable ao acusado" e "sen xustificación".
Miguel Ángel García Rivas está acusado de tres delitos continuados de falsidade en documento oficial, falsidade en documento mercantil e estafa que supostamente cometeu en febreiro de 2003 en Marín e Coslada (Madrid) polos que se enfrontaba a seis anos de prisión. Tras recoñecer a súa culpabilidade nestes feitos, respondeu cun tímido "acepto, si" á proposta dun acordo coa Fiscalía polo que a súa pena quedará en 16 meses e seis meses de multa a razón de cinco euros diarios.
Este procesado está en prisión por múltiples antecedentes previos por delitos similares cometidos entre 1997 e 2003 en Barcelona e Madrid. No caso das condenas de Barcelona, o seu avogado defensor sinalou que "la mayoría de los antecedentes están prescritos".
Segundo sostén o fiscal e recoñeceu o acusado, actuou só ou en compañía doutras persoas que non foron identificadas para planear e desenvolver un procedemento para lucrarse ilicitamente a custa do patrimonio alleo que consistía na substracción de cheques e obrigas de pagamento de caixas de correo de correos e, posteriormente, manipulalos e os alterou cambiando o importe destes, a persoa beneficiaria e mesmo a data de vencemento.
Posteriormente, falsificaban documentos nacionais de identidade e acudían a cobralos a distintas entidades bancarias a través de persoas que non puideron ser identificadas. Con tal método, acudiu a sete entidades, seis delas de Marín e unha de Costala e logrou conseguir máis de 18.000 euros.