A India e Galicia conflúen na Casa das Campás
A exposición 'A miña luzada iluminaremos todas' reúne en dez paneis unha selección das fotografias que amosan os efectos que teñen as crises na vida das mulleres, tanto do norte coma do sur e das alianzas que se adoptan para superar estas situacións.
Así, marisqueiras ou colareiras galegas figuran entre imaxes chegadas desde a India, como a dunha muller que, á medianoite, continúa servindo a cea a un grupo formado unicamente por homes, ou a dunha vendedora de froita.
Implicadas no desenvolvemento impulsou no ano 2013 o concurso fotográfico 'Das crises ás alianzas', no que convidaba a participar ás mulleres de Galicia e de Támil Nadu, o estado do sur da India onde esta ONG desenvolve os seus proxectos de cooperación ao desenvolvemento. Daquela iniciativa xurdiu 'A miña luzada iluminaremos todas', conformada por unha selección das pezas máis representativas das imaxes presentadas a este concurso e que desde 2014 viu percorrendo a xeografía galega.
Agora é o turno da Casa das Campás e este luns as impulsoras deste grupo, Laura Campos e Tania Lago, presentaron a mostra, a cal poderá visitarse ao longo desta semana. Como apuntou Lago, 'A miña luzada' busca dar conta de "que cando hai unha crise, normalmente os papeis máis afectados son aqueles que desenvolven as mulleres."
Ao mesmo tempo, esta exposición busca servir como unha carta de presentación da organización na cidade de Pontevedra, co obxectivo de sumar novas voluntarias ao grupo de traballo que basea o seu labor na procura da igualdade de xénero como base para o desenvolvemento humano.