Piñeiro substitúe a García Pedrosa á fronte de Comisiones Obreras
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot
A unión comarcal de Comisiones Obreras celebraba este venres 24 o congreso para a elección do novo secretario comarcal do sindicato, unha vez que José Luis García Pedrosa cumpre doce anos á fronte da central e os estatutos obrigan a establecer un límite de tres mandatos para este cargo. O seu posto será ocupado por José Ramón Piñeiro, actual responsable do sindicato na Deputación, cargo que seguirá exercendo.
Piñeiro liderará unha comisión executiva paritaria formada por oito integrantes, catro mulleres e catro homes, entre os que tamén se atopa José Luis García Pedrosa que, ao abandonar o cargo como secretario comarcal, sinalaba que durante o seu mandato a actividade volveuse máis complexa tras a crise económica, un período no que tivo que dedicar moito tempo da súa vida persoal para defender aos traballadores.
Pola súa banda, José Ramón Piñeiro afirmaba que o seu labor será continuista porque García Pedrosa fora o mellor secretario comarcal da historia por coñecementos e dedicación. Os seus principais retos centraranse en manter postos de traballo en Pontevedra e loitar pola actividade empresarial industrial, ademais da defensa do emprego e dos servizos públicos.
Outro dos seus obxectivos será o de incrementar o número de afiliados para este sindicato na comarca e lograr unha renovación dos integrantes para poder garantir o futuro de Comisiones Obreras.
Ademais, Piñeiro afirmaba que fará un esforzo para lograr a unidade sindical con UXT e CIG. Sinalaba que é a única forma de unir á clase traballadora e, sobre todo, nunha situación de crise económica.
Garantía, por último, que manterán a mesma liña de defensa dos postos de traballo de empresas como Ence e Elnosa porque entende que o máis importante é o emprego industrial, que permita crear postos de traballo directos e indirectos.