VIDEO.- Desaloxan un edificio en Pontevedra polo incendio nun garaxe
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Os bombeiros de Pontevedra tiveron que intervir a tarde deste luns nun incendio producido no garaxe do edificio número 20 da rúa Santa Teresa de Jesús Jornet.
O 112 Galicia recibía a alerta do incendio por parte de varios particulares ao fío das 18:15 horas. Unha persoa particular indicaba no seu relato que había xente no edificio con problemas para saír.
Fontes oficiais da Xefatura da Policía Local de Pontevedra informaron que foi necesario desaloxar o edificio de catro andares.
Debido á intensa fumareda que se xerou algúns residentes tiveron que ser atendidos por inhalación de fume, sen que fose necesario o seu traslado a un centro sanitario.
O local é utilizado como almacén e contiña "gran cantidad de combustible", recoñeceu o xefe de Bombeiros Miguel Estévez, como pinturas, disolventes e un vehículo. A presenza de materiais inflamables complicou a extinción, obrigando a usar un espumóxeno de baixa extensión para lograr controlalo.
A pesar diso "se cogió medianamente a tiempo", explicou Estévez, afectando a gran parte do garaxe e provocando "algo de daño en el forjado", pero sen que se chegase a propagar ao piso superior.
Agora os bombeiros deben realizar un estudo para avaliar o nivel de dano na estrutura. Ademais realizarán medicións para comprobar se o edificio é habitable, xa que no caso contrario será necesario buscar o reacollo dos veciños afectados.