Bueu aproba o nomeamento da illa de Ons como Área de Rehabilitación Integral
Por Oskar Viéitez
A corporación municipal de Bueu aprobou a moción presentada polo grupo municipal do Partido Popular referente ao nomeamento da illa de Ons como Área de Rehabilitación Integral.
A edil popular Pilar Otero foi a encargada de defender esta proposta que xa foi levada ao Parlamento galego o pasado mes e que busca que as vivendas de Ons sexan rehabilitadas mantendo unhas características unitarias que velarían polo mantemento das súas singularidades e da súa tradición.
O alcalde e o concelleiro de urbanismo, Félix Juncal e Martín Villanueva, manifestaron o apoio a esta declaración pero salientaron que se debe ir máis alá, apuntando que "desde o goberno estamos elaborando unha iniciativa na que o Concello será protagonista e que daremos a coñecer proximamente".
A moción foi aprobada cos votos a favor do BNG, PP e ACB-SON, e as abstencións do PSOE e da nacionalista María José Pérez.