Bidóns, cubos, botellas... e xa temos batukada

Por Redacción
"Todo o que soa cando se golpea é un instrumento de percusión", con esta frase exemplifica o músico Didier Díaz a infinidade de elementos que poden ser empregados como instrumentos musicais.
Sen ir máis lonxe, elementos como bidóns, cubos de pintura, botellas ou latas de conserva que son o material co que un grupo de preto de 25 alumnos aprende con este instrumentista a facer unha batukada con elementos reciclados, da man do taller de Ecopercusión dentro do proxecto Green Campus, xunto co coro do campus de Pontevedra.
Graduado pola Escuela Profesional de Música José White de Camagüey (Cuba), Díaz vén desenvolvendo, xunto cun grupo de profesores, unha serie de talleres de percusión con materiais reciclados como actividade extraescolar para nenos de diferentes niveis.
Esta iniciativa busca pór de relevo a importancia da reciclaxe e por outra parte reforzar a aposta do campus pola música, con iniciativas como o obradoiro de interpretación de instrumentos populares galegos ou coro, aberto á participación tanto de alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos como de persoas alleas á comunidade universitaria.
Un coro que, salienta o seu responsable, permanece aberto á incorporación de novas voces ata finais deste mes de marzo, para o que só é preciso achegarse polos ensaios que desenvolven cada martes e xoves a partires das 18.00 horas en Ciencias da Educación e do Deporte.
Relacionadas:
-
O campus implantará 54 medidas para ser máis verde
Por Oskar Viéitez |
-
O Green Campus consegue recadar 136 aparellos electrónicos para a súa reutilización
Por Antía Fernández Buján |
-
O campus estrea composteiro comunitario e poñerá en marcha unha horta ecolóxica
Por Oskar Viéitez |
-
O campus de Pontevedra está pendente do ministro Méndez de Vigo
Por Redacción |