Poio busca mellorar a empregabilidade no municipio co Proxecto Senda 2017
Por Redacción
Vinte profesionais en situación de busca activa de emprego, empresarios ou emprendedores que teñan unha idea para poñer en marcha. Son os destinatarios do Proxecto Senda 2017, que puxo en marcha o Concello de Poio.
Trátase dun programa, impulsado pola Concellería de Promoción Económica, que nace co obxectivo de incorporar a innovación nos procesos de aprendizaxe coa finalidade de achegar "novos modelos e maneiras de facer empresa" e mellorar a empregabilidade das persoas que buscan un posto de traballo.
Ao longo de dez sesións, repartidas en dous meses, impulsaranse proxectos emprendedores a través dun proceso motivador e libre, onde as persoas participantes compartirán os seus coñecementos e onde se acompañarán mutuamente na procura de novas formas para buscar emprego ou mellorar o seu negocio.
Así, recibirán formación en networking, en iniciativas innovadoras e en procesos colaborativos.
O martes 7 de marzo ás 11:30 horas e o mércores 8 ás 17:30 horas celebraranse dúas sesións de información no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó para os interesados.
As inscricións pódense realizar de forma presencial no Concello, chamando á 986770001 extensión 1260 ou no correo electrónico promocioneconomica@concellopoio.org.