Unha condutora dá positivo en cocaína, anfetaminas, metanfetaminas e cannabis
Por Oskar Viéitez
Con ocasión da celebración do Entroido da Illa de Arousa, o Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, a primeiras horas da mañá do día 28 de febreiro, estableceu un dispositivo especial de alcol e drogas no perímetro da Illa de Arousa.
Segundo informaron fontes oficiais, realizáronse 479 probas de detección de alcol nas que 16 condutores deron resultado positivo nos controis preventivos, deles, 14 foron denunciados por vía administrativa, mentres que aos dous restantes instruíronselles dilixencias penais por superar a taxa de 0,60 mg/l en aire expirado.
CONTROL DE DROGAS
Dos sete condutores que foron sometidos ao test salival para comprobar a presenza de drogas no organismo, catro resultaron positivas, o que supón algo máis do 57% do total. A todos eles formulóuselles expediente denuncia por vía administrativa.
A droga máis detectada foi a cocaína (tres condutores arroxaron positivo nesta sustancia). Con todo, cabe destacar como feito excepcional unha condutora que se lle detectou poli-consumo, arroxando resultado positivo en cocaína, anfetaminas, metanfetaminas e cannabis.
OUTRAS INCIDENCIAS
No mesmo dispositivo de servizo formuláronse catro denuncias a outros tantos peóns que transitaban sen pezas reflectoras (facilitándolles, ao mesmo tempo, un chaleco reflector); denunciáronse dous taxistas por iniciar o transporte en termo do municipio diferente ao que lle correspondía por licenza e notificáronse outras 15 denuncias por exceso de velocidade.