Sanxenxo selecciona 43 traballadores para reforzar varios departamentos municipais
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo reforzará progresivamente o seu persoal municipal de cara o verán xa que a subvención aprobada pola Deputación con cargo ao Plan Concello permitirá a contratación de 43 persoas. Cinco delas serán administrativos que prestarán os seus servizos na administración local durante un período de nove meses, que se estenderá de abril a decembro.
A colaboración da Deputación permitirá tamén contratar unha traballadora social durante oito meses, desde abril a novembro, pero o departamento que máis verá reforzada o seu persoal será o de servizos e limpeza, coa incorporación de 37 operarios por un período de seis meses. Estes traballadores incorporaranse en dúas quendas de seis meses.
Así, 21 deles comezarán a traballar o próximo día 16 de marzo e estarán no plantel ata o 15 de setembro, mentres que outros 16 traballadores estenderán o seu contrato de xuño a decembro, de forma que ambas as quendas coincidirán durante os tres meses de verán.
A subvención concedida pola Deputación de Pontevedra para este fin é de 250.751,28 euros.
Para proceder á selección de persoal, o Concello de Sanxenxo cursou xa a solicitude ante o Servizo Público de Emprego de Galicia, que será quen cite aos demandantes para unha primeira entrevista de traballo nas dependencias municipais.
Os traballadores que se beneficien destes contratos deberán ser persoas desempregadas, que non reciban ningunha prestación ou en caso de facelo que sexa destinada a garantir os recursos económicos mínimos de subsistencia, inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para traballar.