Campañó organiza unha andaina para revisar os marcos da parroquia
Por Oskar Viéitez
A Asociación Cultural de Deportiva de Campañó está a organizar unha andaina de 11 quilómetros polos lindes da parroquia según o informe do Instituto Xeográfico Nacional (IXN) de decembro de 2016
Terá lugar o domingo 2 de abril, con saída ás 8:30 da mañá dende a Ponte das Correntes de Pontevedra, onde se atoparía a Pedra Pinela según o devandito informe.
Continuarán o percorrido subindo polo Vao, a carón do Muro de Bermúdez para chegar ata o Marco de Coto, continuando polo outeiro de Pociñas e o alto da Urcia ou Montecelo. Baixarán, cara ao val de Campañó, entre a Pedra Redonda e a Fonte da Moura ata chegar ao outeiro de Gandarachán, e a Pena de Gandarachán, seguindo polo marco de Tambo, Moreira, Bargadelas, Veigas de Chapela, Presa do Redondo, Pedras Brancas e a Canle do Foxo, para subir de seguido cara á Pedra Pinta, o Picón e o alto de Ouriceira.
Dende alí seguirán a liña ata as Pedras Aciras para finalmente chegar á Capela de Santa Mariña, no alto do Castrove.
Pódese anotar calquera veciño de Campañó e Pontevedra, sen excepción. A inscripción ten un custo de 5 euros, que inclúe o trasporte de volta e o xantar. Esta actividade está financiada pola Comunidade de Montes, o Concello de Pontevedra e organizada pola Asociación Cultural.
O xantar está previsto nas inmediacións da caseta dos cazadores de Campañó a base de bocadillos e empanada. Esta vai ser unha andaina informativa, coa fin de dar a coñecer aos veciños de Campañó e Pontevedra a liña divisoria que según o IXN é a que debe rexer a partir de agora, pendente das alegacións dos concellos de Poio e Pontevedra.
Para inscribirse hai que chamar ao 686870918.