Comezan os cursos gratuítos para aprender a realizar vídeos e participar en Youtubeir@s
Por Redacción
Os pontevedreses youtubers teñen a oportunidade de aprender os puntos básicos sobre como xestionar os seus vídeos, instalación da cámara e guión a través de varios obradoiros que se organizan entre a Universidade de Vigo e o departamento de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra. A proposta busca mellorar os coñecementos daquelas persoas que están interesadas en participar no concurso Youtubeir@s, que busca a presenza e difusión da lingua galega na canle de Youtube.
O mércores 8 de febreiro comezan dous destes talleres na facultade de Ciencias da Comunicación e na Casa das Campás. Terá a súa continuidade o mércores 15. As persoas que se inscriban deberán asistir ás dúas sesións de 60 e 120 minutos que se van impartir.
O 13 e o 20 de marzo realizarase outro no Centro Social do Gorgullón coa colaboración da asociación de veciños de Eduardo Pondal mentres que o xoves 30 de marzo e o 6 de abril desenvolverase un último taller na Casa da Cultura da parroquia de Lérez no que colabora a asociación San Bieito de Lérez. Os interesados en participar nestes obradoiros para 20 prazas poden apuntarse a través da web do Concello de Pontevedra.
A estes obradoiros hai que sumar os que se van a impartir tamén nos CEIP Sánchez Cantón e Torrente Ballester. Estas sesións atópanse destinadas a maiores de 14 anos e aqueles estudantes que sexan menores de idade deberán presentar un consentimento por parte dos seus familiares.
Este mediodía, o concelleiro Alberto Oubiña presentaba acompañado por un representante da Universidade de Vigo, estes cursos para participar no concurso Youtubeir@s, que conta con premios de 500 e mil euros.
As persoas interesadas en participar poderán presentar os seus traballos antes do 28 de abril. Youtubeir@s ten a intención de incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes sociais máis empregadas no mundo e tamén busca incitar a que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos.