Facebook, aliado da Garda Civil para socorrer un veciño de Forzáns
Por Natalia Puga
A chamada de alerta dun familiar e a dilixente actuación da Garda Civil permitiron este martes socorrer un veciño de Ponte Caldelas de 53 anos que estaba a sufrir un ataque de ansiedade grave na súa casa da parroquia de Forzáns, na que vive só. Tras este servizo humanitario, o protagonista xa se recupera nun centro hospitalario.
Todo ocorreu sobre as 19.30 horas deste martes. Un veciño de Barcelona falou por teléfono co seu tío que vive en Ponte Caldelas e atopouno nun evidente estado de nerviosismo, de modo que se preocupou e mesmo temeu pola súa vida, máis tendo en conta que o seu familiar ten antecedentes por episodios depresivos. Dada a distancia, a el resúltáballe imposible ir comprobar en persoa como estaba, así que optou por solicitar axuda á Garda Civil.
O mozo barcelonés telefonou á Comandancia de Pontevedra e contou que, entre outros síntomas, o seu tío tiña dificultades para falar. Facilitoulles a súa identidade completa e o teléfono móbil, pero non soubo darlles a dirección, tan só que vivía en Ponte Caldas, de modo que o Centro Operativo De Servizos (COS) púxose a traballar para sortear ese inconvinte de falta de información detallada sobre como dar con el.
Os axentes pontevedreses tentaron chamalo por teléfono, pero non o lograron, de modo que tiraron de enxeño, botaron man dos recursos que tiñan dispoñibles e acabaron recorrendo á rede social Facebook, na que ten un perfil o home ao que buscaban. Atando cabos, pescudaron que tiña relación cun bar da parroquia de Forzáns, puxéronse en acción e unha patrulla trasladouse ao lugar.
A pista resultou determinante, pois o responsable do bar indicoulles a súa dirección e dirixíronse rapidamente á casa. Alí puideron comprobar o evidente estado de nerviosismo que presentaba. De feito, mesmo lles abriu a porta cun coitelo na man. Dada a situación, alertaron aos servizos sanitarios e o home foi trasladado nunha ambulancia a un centro santario.
Ademais de ter un final feliz, o servizo humanitario realizado foi rápido, pois entre a chamada inicial do sobriño ata que os axentes chegaron á casa do tío apenas transcorreron 35 minutos. Ás 20.05 horas deste martes xa estaba en compañía dos gardas civís que o socorreron e evitaron calquera posible incidente.