Catro selfies en Sanxenxo poden traerche unha cea
Por Redacción
Dar a coñecer o patrimonio de Sanxenxo a golpe de selfie. Esta é a última proposta das concellerías de Patrimonio e Cultura, que poñen en marcha un concurso fotográfico nas redes sociais
Os organizadores propoñen aos participantes que realicen polo menos catro selfies ante un dos elementos patrimoniais de Sanxenxo, dos que tres terán que ser realizados nalgún dos suxeridos no material promocional editados recentemente polo Concello, 'Sanxenxo en dúas horas', dispoñible na páxina web.
O participante poderá elixir calquera outro recuncho que promocionar para realizarse o cuarto selfie.
Cada participante deberá subir as fotografías co hashtag #patrimoniosxx, etiquetando ao Concello en Facebook a través do perfil Concello de Sanxenxo, ou en Twitter con @concello_sxx. Para optar a gañador do concurso o participante deberá ser seguidor do perfil municipal ao que mencione na publicación.
O concurso estenderase ata finais do próximo mes de novembro, de modo que poderán aproveitarse os meses de verán. En decembro darase a coñecer o nome dos gañadores, utilizando para iso o mesmo perfil social no que foron compartidas as fotografías gañadoras.
Os participantes optarán a facerse cun dos dous premios deste concurso: unha cea para dúas nun restaurante de Sanxenxo e unha visita guiada con degustación nunha adega local, todo segundo as bases que poden consultarse na web municipal.