SOS: Búscanse noticias de José Bernardo Villaverde Amil tras seis anos desaparecido
Por Natalia Puga
Esta é unha chamada para quen teña algunha noticia de José Bernardo Villaverde Amil. Se non caes polo nome, darémosche máis detalles. Natural de Redondela, tiña o seu domicilio establecido no número 32 da rúa Reino Unido do barrio pontevedrés de Monte Porreiro cando desapareceu o 19 de novembro de 2010. Máis de seis anos despois, nin a súa parella nin os seus fillos teñen noticias do seu paradoiro.
Máis datos? Ten 41 anos e medio -cumprirá 42 o próximo 6 de abril- e antecedentes xudiciais por tráfico de drogas. A súa parella sentimental cando desapareceu, de orixe brasileira, chegou a denunciar as súas sospeitas de que podía estar secuestrado, pois supostamente dous homes presentáronse á forza na súa casa e levárono.
E un detalle a maiores que os investigadores cren que pode ter relación coa súa misteriosa desaparición: vinculóuselle no seu día co coñecido narcotraficante José Antonio Pouso Rivas, alias Pelopincho, en busca e captura desde que se fuxiu cando estaba a ser investigado pola operación Cormoránmariño. De feito, ambos desapareceron na mesma época.
A axuda pídea a súa familia, pero tamén o Xulgado de Primeira Instancia numero 5 de Pontevedra, que iniciou un expediente para a declaración de ausencia legal e fixo público no Boletín Oficial do Estado (BOE) deste venres que a súa compañeira sentimental e o fillo común ignoran o seu paradoiro. Pídese a quen teña noticias do desaparecido que as poñan en coñecemento no Xulgado nunha vista que está prevista para o próximo 23 de marzo ás 12.30 horas na sala de audiencias número 6 dos xulgados da Parda.
Nesa comparecencia de marzo están citados o fiscal, os seus familiares próximos e cuantos consten no expediente como interesados, pero, ademais, publicouse no BOE e no taboleiro do Concello de Pontevedra e poderá intervir calquera que puidese ter interese na declaración de ausencia. Nesa vista tamén se poderán propoñer novas probas ou actuacións útiles para dar co seu paradoiro.
A petición de declaración de ausencia iniciouse xa o pasado mes de outubro, despois de que o 26 de setembro de 2016 o fiscal solicitárao formalmente no xulgado. Naquel momento, dábase a coñecer que a súa familia non coñecía o seu paradoiro desde seis anos atrás e tamén a procura realizada a través de distintos medios de comunicación e en investigacións solicitadas polos corpos e forzas de seguridade do Estado.