Despois de dous anos de papeleo, por fin retiran catro coches abandonados na rúa
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo mantén en vigor un convenio coa Deputación para a retirada dos residuos sólidos urbanos, polo que a empresa adxudicataria foi requirida para que proceda a levar un total de catro vehículos, tres deles estacionados no aparcadoiro do Pazo Emilia Pardo Bazán e un cuarto situado no Freixo
Con todo, retirar un vehículo abandonado polo seu propietario na vía pública non é unha tarefa rápida. En primeiro lugar é necesario un informe policial que constate que o coche en cuestión non rexistrou movemento algún durante o prazo dun mes.
Tras solicitar á Dirección Xeral de Tráfico os datos relativos á propiedade do vehículo, é necesario comprobar se sobre el pesa algunha anotación de embargo, xa que de existir é necesario solicitar autorización ao xulgado para a súa retirada.
O seguinte paso que debe dar o departamento de Medio Ambiente é notificar ao propietario para que proceda á retirada do vehículo e, de non ser posible, debe facelo a través do Boletín Oficial do Estado.
No caso de que o propietario desatenda este requirimento ou que non sexa posible contactar con el, decrétase o vehículo como residuo sólido urbano e requírese á concesionaria para que proceda á súa retirada, e este trámite debe volver notificarse ao propietario.
Os expedientes que agora conclúen datan do ano 2014, data desde a que algún dos coches que nas próximas semanas serán retirados permaneceron estacionados nas proximidades do Pazo Pardo Bazán.
Os vehículos serán pois entregados á empresa Vigoto Uno, SL, centro homologado para a súa recepción e o seu tratamento.