CC.OO. alerta de que o paro en Pontevedra incide na muller e no sector servizos
Por Redacción
Un informe de Comisións Obreiras sobre os recortes e a reforma laboral demostra que están a resultar armas letais para o emprego das mulleres.
As mulleres máis novas sofren directamente a crise con case 1.300 desempregadas na bisbarra menores de 30 anos pero tamén aquelas que superan os 50 anos que xa suman as 1.800 paradas. Neste último caso, o informe do sindicato sinala que, ante os criterios de discriminación de idade e sexo que dominan a cultura empresarial, corren o risco de non volver traballar.
Máis de 3.160 mulleres de Pontevedra levan no paro máis dun ano. E a maioría proceden do sector servizos e de actividades que dependen da Administración pública. Desta forma, Pilar Seoane indica que case 5 mil das 7 mil mulleres rexistradas no paro en Pontevedra proceden de hostalaría, comercio e actividades auxiliares. Mentres que máis de 1.200 se encontran sen traballo tras estar empregadas na Administración Pública.
Neste sentido, dende CC.OO. sinalan que o 95% dos contratos para as mulleres son temporais e precarios.
Ante esta situación, reclaman políticas de atención e coidado da familia. Acusan o goberno do Partido Popular de fomentar un modelo no que a muller se faga cargo do fogar evitando a corresponsabilidade.
Piar Seoane afirmou que tampouco se están a poñer en práctica políticas para favorecer a natalidade xa que non se destinan recursos económicos a facilitar os servizos públicos e as axudas aos empresarios para dar opcións para que a muller nova se incorpore ao mercado laboral.