O acoso escolar, en cifras alarmantes: sete de cada dez nenos sofren 'bullying'
Por Redacción
Sete de cada dez alumnos de ESO sofren episodios de acoso escolar. Esa é a conclusión do estudo realizado polo grupo CIES da Universidade de Vigo, presentado este luns en Pontevedra, no marco da I Xornada sobre Bullying e Acoso Escolar organizada pola Delegación de Alumnos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
Durante dous días, este encontro recolle o testemuño de expertos para abordar dende o acoso nas novas tecnoloxías, ata a intervención psicolóxica e as posibles secuelas ou as estratexias de convivencia e mediación levadas a cabo con éxito en centros como o IES David Buján na localidade coruñesa de Os Campóns.
O estudo sobre acoso escolar foi presentado pola profesora do Departamento de Didácticas Especiais María Álvarez Lires e recolle unha mostraxe estatisticamente representativa de centros públicos e privados de toda a provincia extensible ao resto da comunidade.
Entendendo por bullying, segundo a autora da investigación, "non só a violencia física, senón os insultos reiterados ou facer o baleiro de continuo" e sen incluír o ciberacoso, a porcentaxe de afectados nas aulas recollida neste estudo é moi similar á que aparece en informes de organizacións internacionais.
A ONU, a OMS, Beat Bullying ou Save the Children salientan que 24 millóns de nenos e nenas e de adolescentes sofren cada ano acoso escolar na Unión Europea. Son informes que poñen de manifesto datos como que detrás da metade dos 600.000 suicidios entre rapaces e rapazas de 14 a 28 anos está o bullying.
Mentres que os homes si que recorren máis á agresividade física, as mulleres empregan máis a exclusión social e a agresividade verbal
Un dos problemas de base do acoso é conseguir recoñecelo, xa que os propios rapaces consideran que o concepto de bullying implica violencia. Pero non sempre ocorre, xa que o estudo do grupo CIES amosa que mentres que os homes si que recorren máis á agresividade física, as mulleres empregan máis a exclusión social e a agresividade verbal.
Os expertos recomendan aos afectados "que pidan axuda, que perdan o medo", xa que o 60,4% das vítimas non fala por temor. Ademais, no 40% dos casos acoden a outros compañeiros antes que á familia (25%), ao profesorado (18%) ou a orientadores (9%), "polo que é importante tecer unha rede de colaboración e que o alumnado do centro axude".
"A escola non pode resolver todos os problemas sociais, pode facer cousas para intervir ou paliar os efectos, pero o profesorado precisa instrumentos para afrontar estas situacións", insistiu a profesora.
Precisamente ese foi o obxectivo co que naceron estas xornadas: ofrecer aos futuros docentes as ferramentas necesarias para afrontar una situación "cotiá que só salta á actualidade cando hai unha situación moi grave, xa que o resto se entende como violencia de baixa intensidade", salientou Sara González, unha das organizadoras do evento xunto a Patricia Fernández.
"É un dos temas nos que nos vemos menos preparados de cara a estar nun centro", recoñecen. Sobre todo nun momento no que as redes sociais fan que o bullying dea "un paso máis". Así, a autora do estudo conclúe que "antes podían insultarte en clase, pero chegabas á túa casa e estabas tranquilo. Hoxe en día coas redes sociais chegas a casa e o acoso continúa".