O PP denuncia que o Concello de Poio perde máis de 150.000 euros na Festa do Mar
Por Redacción
O Partido Popular de Poio considera que o Concello está a xestionar "moi moi mal" a Festa do Mar de Combarro. Denuncia facturas duplicadas, previsones falsas de gastos e ingresos e contratacións pouco transparentes.
Segundo os datos que manexan, cada visitante á última edición gastou menos de 1,50 euros neste evento. Para o portavoz popular para asuntos económicos, Juan Rodríguez Grandal, isto non ten explicación posible apuntando a que o goberno local tivo que mentir nos datos de asistencia, afirmando que acudiran 35.000 persoas, ou na facturación.
Segundo o goberno local, nos postos atendidos por persoal do Concello a cifra de ingresos ascendía a 49.633 euros. O concelleiro popular apunta a que os gastos ascenden a 200.000 euros entre os que figuran máis de 110.000 euros en concertos e números musicais, entre os que se atopaban Siniestro Total e Ses.
Segundo Rodríguez Grandal, a venda dos produtos nin sequera compensan o gasto que supón a contratación da carpa gastronómica. Entre o produto que se puxo á venda, as subcontratas de cociña e persoal, ademais do mobiliario suma un gasto de 70.000 euros, 20.000 euros máis do que se ingresou polo consumo de racións e bebidas dos visitantes.
O PP pregúntase como é posible que, segundo o datos do Concello, pasasen 35.000 persoas pola carpa como mínimo e non gastasen un euro e medio cada unha. Ademais sinala que os datos municipais mostran que a ocupación hostaleira durante a fin de semana da Festa do Mar é inferior a anterior onde os establecementos estaban completos.