O vello depósito de auga de Seame xa é historia
Por Redacción
Unha retroescavadora de 22 metros de altura derrubou o vello depósito de Seame en apenas un par de horas. O Concello de Sanxenxo cumpriu así unha antiga reivindicación veciñal de Portonovo, tras anos de espera e xestións con varios gobernos municipais.
Desde hai máis de dez anos, os veciños desta contorna reclamaban a eliminación do depósito, cuxa estrutura non ofrecía garantía algunha en materia de seguridade, salubridade e ornato, legalmente esixibles. O seu avanzado estado de deterioración entrañaba ademais un grave risco de esborralle.
A empresa COVSA, adxudicataria destes traballos por un importe 13.706,28 euros, centrouse durante esta semana nos traballos de valado perimetral da zona na que están a actuar, para evitar que os traballos causasen danos nos inmobles lindeiros.
A empresa procedeu ao desmonte do peche de malla metálica, con protección de caída de cascallos mediante a instalación de lona, tapado de piscina e protección de solado de gres.
As máquinas comezaron a traballar na demolición do depósito aéreo, de formigón armado, tarefa tras a cal a empresa trasladará os cascotes a un xestor autorizado.
Unha vez terminada a demolición, a empresa procederá á reposición da varanda e acondicionará a superficie afectada polas obras.
O depósito foi adquirido polo Concello en 1975 mediante escritura pública de compravenda do servizo de abastecemento de augas de Portonovo, na que consta ademais a compra do terreo, unha parcela de 26 metros cadrados, nos que se empraza, un terreo clasificado no PXOM como chan urbano consolidado.
Daniel Fernández, concelleiro de Infraestruturas e Urbanismo, supervisou os traballos acompañado polo alcalde e ambos coincidiron en que a derriba desta estrutura era unha cuestión urxente que o goberno local atendeu no momento en que puido dispoñer de partida para facelo.