Un condutor ferido nunha colisión frontal entre dous vehículos en Cerponzóns
Por Diego Torrado & Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un home resultou ferido nun accidente de tráfico na estrada nacional N-550 á altura do quilómetro 111 preto da discoteca La Luna, na parroquia pontevedresa de Cerponzóns.
Por causas que se descoñecen o condutor dun Citroën Saxo que circulaba en dirección a Pontevedra invadiu o carril contrario chocando contra unha furgoneta comercial.
Como consecuencia do forte impacto o condutor do Saxo, un mozo de 24 anos, resultou ferido e quedou atrapado no interior do vehículo, de modo que tivo que ser excarcerado polos Bombeiros de Pontevedra. O outro condutor afectado puido saír da furgoneta polo seu propio pé.
O sinistro tivo lugar preto das nove da noite deste mércores e, por mor do impacto, a estrada quedou cortada debido a que os restos do accidente e aceite quedaron espallados na vía, segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112.
Ao lugar do suceso acudiu a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Pontevedra e unha ambulancia de Urxencias Médicas de Galicia 061. Dende o CAE 112 Galicia informouse tamén a Protección Civil e ao persoal do servizo de mantemento da estrada.