Marín solicita un novo sendeiro azul para o roteiro dos cinco miradoiros
Por Redacción
No ano 2016 o Concello de Marín obtivo o galardón de sendeiro azul para a ruta das praias e este ano aspira a lograr o galardón para o roteiro dos cinco miradoiros.
O novo roteiro ten un percorrido circular duns sete quilómetros e ten unha dificultade baixa, que se pode seguir a través das marcas brancas e verdes de balizamento.
O percorrido parte da Praza de España en dirección ás praias. O primeiro dos miradoiros atópase pasando a praia de Portocelo, cunhas fermosas vistas á ría. Continuando polo vial de praias ata os gravados prehistóricos de Mogor, está o segundo dos miradoiros.
Posteriormente dentro do Barrio Pérez Crespo está o terceiro miradoiro, dominante sobre o barrio de casas brancas. Continuando en dirección á estrada xeral vírase para atravesala ata o Cruceiro, onde se comeza a ascender cara ao outro cruceiro, neste caso o Cruceiro do Vento, onde se sitúa o cuarto miradoiro.
Seguindo polas Sete Espadas, pasando pola súa capela e enlazando a través dun sendeiro co Castro da Subidá, para chegar ás ladeiras do Monte Penizas, chégase ao quinto miradoiro no lugar da Moreira. Para finalizar o traxecto comeza o descenso polo lavadoiro da Moreira, en dirección á Raña, onde se enlaza co camiño paralelo ao río Lameiriña e que dá paso ao centro urbano, a carón do lavadoiro do Souto.
Seguindo pola rúa Calzada, pasa por debaixo da ponte e deixando a praza de abastos á esquerda, chégase ao punto de partida.
Con este roteiro, o Concello aspira a obter catro praias de bandeira azul e certificación EMAS (Portocelo, Mogor, Aguete e O Santo do Mar), dous centros azuis (Centro de Interpretación dos Petroglifos de Mogor e Ateneo Santa Cecilia) e dous sendeiros azuis (Ruta das praias e Roteiro dos cinco miradoiros).
Relacionadas:
-
Marín sinalizará o menhir de Currás e restaurará o castro da Subidá
Por Redacción |
-
Marín coida o viario de praias para seguir sendo Sendeiro Azul
Por Oskar Viéitez |
-
Bueu e a Deputación colaboran para impulsar o sendeiro azul de Cabo Udra
Por Redacción |
-
16.000 euros para a mellora do sendeiro azul 'A ruta das praias' de Marín
Por Redacción |