A Consellería do Mar prohibe a partir deste venres 6 a captura da nécora e do santiaguiño
Por Redacción
A partir deste venres 6 de xaneiro péchase a campaña de captura da nécora e do santiaguiño nas rías galegas. O calendario aprobado pola Xunta no Plan Xeral de Explotación Marisqueira do 2017 establece que a actividade de extracción da nécora pecharase ata o día 2 de xullo e a do santiaguiño ata o 1 de outubro, datas nas que está previsto que comece a súa campaña extractiva.
A Consellería do Mar, que dirixe Rosa Quintana, busca con esta medida técnica favorecer a reprodución e reducir o "esforzo pesqueiro que soportan as poboacións destas especies na Comunidade Autónoma de Galicia.
Desde o 1 de xullo de 2016, día desde o que se autorizou a extracción da nécora, vendéronse nas lonxas galegas máis de 112 toneladas desta especie por un importe total de ao redor de 2 millóns de euros.
No caso do santiaguiño, o período autorizado para a súa captura comezaba o 1 de outubro do ano pasado e nesta etapa vendéronse en lonxa máis de 1.150 quilos desta especie por valor de case 74.000 euros.