Cinco colectivos propoñen a asociación para a inclusión social Boa Vida ao premio Cidade de Pontevedra
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Os colectivos Caritas-Monte Porreiro, AA.VV. MQ-Pedra do Lagarto, ONG Amarante, a delegación de Pontevedra do Banco de Alimentos e o grupo de teatro Migallas presentaron unha solicitude no Concello para propoñer á Asociación para a Inclusión Social Boa Vida ao premio Cidade de Pontevedra 2017, na categoría de colectivos.
Na solicitude exponse o importante labor de inclusión social nos seus cinco anos de andaina. Realiza un traballo de reciclaxe téxtil, que se iniciou hai dous anos e conta cunha tenda na rúa Cruz Vermella. Tamén desenvolve un traballo de formación, con talleres de refabricación téxtil, coiro e creación de mobiliario. Ademais de levar a cabo cursos de inserción laboral.
Trátase dunha asociación non lucrativa que reinviste os seus beneficios en empregos das persoas que realizan os traballos, créditos a 0% de intereses e en novas vías de reciclaxe que poidan xerar máis actividade e máis emprego.
Boa Vida tamén leva a cabo un traballo cooperativo en rede formando parte da EAPN (Rede Galega contra a pobreza), da Rede de Consumo Responsable de Pontevedra (4 Ponlas), entre outras. O colectivo cede tamén a roupa a outras organizacións como Rexurdir ou a Cruz Vermella para a atención de casos sociais de especial urxencia.
No apartado de colectivos, Boa Vida súmase ás outras propostas: Pontevedrada, a Difusión Felina e HQR. Mentres que no apartado individual, as candidatas propostas son Ángela Paz e Lourdes Domínguez. O prazo para presentar candidaturas remata este xoves 5 de xaneiro.