Investigan un home por provocar un incendio en Chancelas durante unha queima
Por Redacción
Un total de 1.400 metros cadrados de superficie resultaron afectados por unha queima de restos forestais que se descontrolou en Chancelas (Poio).
Por eses feitos, axentes da Policía Autonómica de Pontevedra investigan un home, o responsable desta queima que se produciu o pasado 20 de decembro.
Na investigación contouse coa colaboración dos axentes medio ambientais da Brigada de Investigación de Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural. Para a extinción do lume foi necesaria a intervención do persoal do servizo de Extinción de Incendios da Xunta de Galicia.
Tras comprobar que o investigado realizou esta queima de forma neglixente, os axentes instruíron dilixencias ao xulgado de garda de Pontevedra.
Na actual campaña contra os incendios forestais do 2016, un total de 72 persoas foron detidas ou investigadas pola Policía Autonómica, como presuntas autoras de incendios forestais.