Se ves este equipo de fotografía, avisa á Policía, é roubado!
Por Redacción
Se nos próximos días ves a alguén pola rúa cun equipo fotográfico da marca Canon que responda ás características que se detallarán a continuación, agradécese que acudas á Policía, pois estás ante material roubado a un fotógrafo profesional pontevedrés. De igual forma, se alguén tenta vendercho, tanto en conxunto como por separado, non caias no engano e avisa igualmente ás autoridades.
O pontevedrés afectado, que utiliza este equipo para o seu traballo diario, formalizou denuncia na Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra indicando que a subtracción se realizou na mañá deste xoves, pero descoñece o momento exacto, pois alguén o colleu do asento traseiro do seu coche.
Non sabe cando ocorreu, pero si que foi entre as 9.30 e as 10.00 horas. Á primeira hora da mañá saíra de casa e depositara o equipo no asento traseiro e el estivo abordo do vehículo todo o tempo excepto en dous momentos nos que deixou o coche só por entre un e tres minutos para realizar unha xestión persoal. Cando se dispuxo a utilizalo para traballar, xa non o tiña.
O equipo subtraído é o seguinte:
- Unha mochila de cor negra da marca Vanguard
- Un obxectivo da marca Canon modelo 70-200 mm de cor branca con número de serie 372964
- Un obxectivo da marca Canon modelo 17-40 mm de cor negra con número de serie 140418
- Un flash da marca Canon de cor negra con número de serie 521911
- Unha cámara fotográfica dixital da marca Canon modelo EOS, 5D, Mark 3 de cor negra con número de serie 232120000038
- Catro baterías para cámara fotográfica dixital da marca Canon
- Pilas e cartóns de memoria