Preocupación de Tráfico ante o aumento "alarmante" de positivos en alcol e drogas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A Garda Civil trasladou este mércores a súa preocupación para a campaña do Nadal polo incremento dos condutores que collen un vehículo tras consumir alcol e drogas. Segundo admitiu o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, os positivos nas analíticas e controis "están aumentando de forma alarmante".
Durante unha visita á Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, o delegado aproveitou para "requirir responsabilidad" á xente e pedirlle que "no tomen sustancias prohibidas", así como outros consellos como que adapten a condución ao tipo de vía.
Para a "campaña complicada" que pon en marcha cada Nadal, Santiago Villanueva lembrou que este ano 2016 os datos de accidentalidade en toda Galicia "no son moi favorables", pois xa se rexistraron once mortos máis que hai un ano a estas alturas, 102.
O operativo especial de Tráfico desenvólvese en tres fases, a primeira ao redor da Noiteboa, a segunda por fin de Ano e a terceira con motivo da noite de Reis. Para mellorar a atención ás estradas, estarán destinados todos os axentes de Tráfico, pero tamén o resto de persoal da Garda Civil. É complicada, segundo recoñece, porque "hay muchos desplazamientos largos y de corta duración" e prodúcense accidentes "por la confianza de la gente", pois "no prestan atención".
Villanueva visitou a Comandancia acompañado polo novo xeneral xefe da zona da Garda Civil de Galicia, Ángel Alonso Miranda; e o coronel da Garda Civil de Pontevedra, Miguel Estévez, para entregarlles oficialmente 12 novos vehículos que se destinarán ao servizo de seguridade cidadá, todos eles da marca Nissan (modelo X-Trail, con motor 1.6).
Os vehículos serán repartidos entre as cinco compañías da Comandancia atendendo ás necesidades de reposición, un estará destinado á compañía fiscal do porto e aeroporto e outro para a Unidade de Seguridade Cidadá. Polas súas características, son vehículos de alta mobilidade para a demarcación rural á que van destinados e con motorizacións diesel.