Camelias, raíñas do Sarmiento e promotoras turísticas
Por Redacción
A directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a encargada de pechar as intervencións no primeiro Foro da Ruta da Camelia que se celebrou no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra. O encontro contou coa presenza do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán e de representantes da Sociedade Española da Camelia.
Durante o foro ofrecéronse charlas sobre os diferentes xardíns que integran o itinerario da Camelia.
No acto de clausura, Nava Castro indicou que "Galicia é a comunidade con máis variedade de camelia despois de Xapón. A Ruta dA Camelia é única en Europa e Turismo de Galicia aposta pola súa posta en valor como produto turístico". Existen ao redor de oitenta especies e preto de 30 mil variedades diferentes de camelias con orixe en Asia Oriental.
Debido ás terras ácidas galegas, esta especie encontrou aquí excelentes condicións para o seu cultivo, segundo explicou a directora da Axencia de Turismo. E engadiu que dende o seu departamento queren incluír a Ruta da Camelia nos dez produtos cabeceira da Marca Galicia e apostar por ela dende un punto de vista turístico.
A edición 49 do Concurso-Exposición internacional da Camelia, a mostra máis antiga de Galicia concedeu a Camelia de Ouro a Begoña Franco Paz de Boiro pola calidade das súas numerosas camelias presentadas no evento. O premio especial Antonio Odriozola dentro da categoría de mellor camelia individual foi para Eusebio López Redondo de Fene.