Inicia un tratamento de desenganche de drogas un día antes do xuízo e evita así ir a prisión por tráfico de cocaína
Por Redacción
A sección cuarta da Audiencia Provincial acollía este martes 13 dous xuízos por delito contra a saúde pública debido ao tráfico de drogas.
O mozo B.B.P. enfrontábase a tres anos e medio de prisión como acusado da venda de cocaína. O caso procedente do Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra finalizou cun acordo entre o avogado da defensa e o fiscal no que se establece unha pena de 3 anos de prisión cunha multa de 1.000 euros que, por petición do letrado do acusado, se fracciona en 10 meses.
Acordouse a suspensión da condena por un período de tres anos porque o mozo carece de antecedentes e se atopa inscrito, segundo a Fiscalía, desde este luns nun tratamento de deshabituación do consumo de drogas.
Esta decisión pódese revogar no caso de que o acusado cometa algún delito ou de que abandone o tratamento.
A mesma pena de 3 anos de prisión, que queda suspendida polas mesmas causas, impúxose a outro mozo, L.G.P., por tráfico de cocaína tras acordo entre a defensa e a fiscalía, que inicialmente pedía catro anos e medio de prisión.
Ao acusado tamén se lle impuxo unha pena de 350 euros e terá que pagar unha sanción de 43 euros por causar danos no pantalón dun Garda Civil durante a detención. O caso procedía do Xulgado de Instrución número 1 de Cambados.