A Garda Civil detén o suposto autor de varios roubos en Vilanova de Arousa
Por Redacción
A Garda Civil detivo esta fin de semana un veciño de Vilagarcía de Arousa ao ser sorprendido in fraganti cando estaba a tentar forzar a porta dunha cafetería en Vilanova de Arousa. Momentos antes forzara varias máquinas auto expendedoras de alimentos e bebidas dun local contiguo.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, os feitos producíronse ás catro da madrugada do pasado domingo cando se recibe unha alerta a través do teléfono 062, informando de que unha persoa estaba a golpear as máquinas expendedoras dun establecemento vending, nunha céntrica rúa de Vilanova de Arousa.
A reacción da patrulla de seguridade cidadá do Posto de Vilagarcía, que se atopaba próxima á zona, facilitou a inmediata detención de F.B.T. de 23 anos, veciño de Vilagarcía de Arousa, que foi sorprendido cando xa estaba a forzar a porta dunha cafetería contigua á referida tenda, despois de que xa violentase dúas máquinas auto expendedoras de alimentos e bebidas da tenda.
O presunto autor foi interceptado e detido cando pretendía a fuxida nun ciclomotor da súa propiedade. No momento do arresto interviñéronselle algúns dos artigos roubados nas máquinas e a barra de ferro que utilizara para golpealas.
Por mor desta detención e no marco das dilixencias instruídas pola comisión destes dous delitos de roubo: un en grao de tentativa na cafetería e o outro consumado na tenda vending, a Garda Civil atribúelle, ademais, a suposta comisión doutro roubo das mesmas características e co mesmo modus operandi, que tería cometido dous días antes na mesma tenda.
Esta persoa fora detida a madrugada do día 3 de decembro xunto con I.C.D., tamén veciño de Vilagarcía de Arousa, actualmente en prisión preventiva, nunha operación conxunta da Comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía e a Garda Civil, como presuntos autores de preto dunha trintena de delitos de roubo con forza na comarca.
O detido, F.B.T., foi posto novamente a disposición do Xulgado de Instrución de garda de Vilagarcía, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.