Por que cre o goberno local de Sanxenxo que o PP antepón os seus intereses partidistas aos dos veciños?
Por Redacción
"Resulta lamentable comprobar como o Partido Popular de Sanxenxo pon por encima dos intereses dos veciños deste municipio os do seu propio partido e xustifica unha mínima partida de 50.000 euros nos orzamentos da Xunta para a construción do futuro colexio, tratando ademais de investir a realidade e culpar ao actual goberno local", así de contundentes pronunciáronse desde o goberno local de Sanxenxo ante as declaracións do grupo municipal do PP ao que tamén acusan de recorrer á "manipulación".
O tripartito sanxenxino afirma que "non é certo que o goberno local necesitase sete meses para resolver dúas alegacións " e aclara que investiu ese tempo en xestionar a validez do convenio do PEI 12, solicitando para iso unha serie de informes técnicos e xurídicos "que lograron aforrar ás arcas municipais uns 600.000 euros. Cantidade que a anterior concelleira de Urbanismo, do PP, daba por perdida e cuxo desembolso estaba disposta a asumir".
Esta foi a primeira "situación irregular" que tivo que aclarar o actual goberno local no tema do colexio do Revel, "pero non a única". E é que foi necesario habilitar unha partida para asumir o pago do xustiprezo, xa que as valoracións estimadas inicialmente eran excesivamente baixas.
O goberno local deixou no orzamento de 2016, aprobado sen o apoio do PP nin de Roberto Carlos Agís, unha partida de 100.000 euros para facer fronte ao segundo pago, indispensable para facerse cos terreos necesarios. Unha vez coñecido o fallo do Tribunal de Expropiación, no último trimestre deste ano, o goberno do alcalde Gonzalo Pita comprobou que a partida era insuficiente, o que lle levou a reaxustar as contas deste ano e que varias concellerías fixesen unha transferencia de crédito doutros 25.000 euros, evitando así que o pago tivese que demorarse ata que se aprobasen as contas de 2017.
Desde o Concello de Sanxenxo explican que "na súa crítica o Partido Popular esquece mencionar" que o 23 de setembro de 2011 o entón conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, presentaba á comunidade educativa o proxecto básico do futuro colexio. Un ano despois, en 2012, a Xunta orzaba 400.000 euros para iniciar a construción. O 22 de febreiro por primeira vez e o 17 de outubro de 2012 por segunda vez, a Consellería de Educación remite ao Concello o proxecto básico e solicitaba licenza. Pero o Concello non puido concedela porque "non era propietario dos terreos". Estaban aínda sen comprar nin expropiar.
Ata o ano 2011 o Partido Popular "anunciou un colexio para o que non tiña os terreos", cuestión que non impediu que a Xunta habilitase partida para iso en 2010 e 2011. "O Partido Popular perdeu tres anos negándose a realizar un informe de avaliación ambiental que logo comprobou que era obrigatorio", engaden desde o tripartito.
Desde que o Partido Popular recoñeceu que non tiña os terreos ata que concluíu a expropiación, un proceso que rematou o actual goberno local, pasaron cinco anos máis. Corría o ano 2006 cando o Partido Popular, capitaneado entón por Telmo Martín, comezou a prometer o colexio para O Revel. O Partido Popular mantivo a Alcaldía ata xuño de 2015. Nove anos e os terreos sen comprar. "Os datos falan por se sós", apunta no seu relato o goberno conformado por SAL, BNG e PSdeG.
Tanto Gonzalo Pita como a edil de Educación informaron do avance do expediente ao conselleiro de Educación nun encontro en Pontevedra e tras a súa ratificación no cargo solicitaron unha reunión urxente con el para que coñecese de primeira man a situación e tivésea en conta á hora de facer provisión de fondos. "Pero non houbo interese", comentan.
O único trámite pendente, e no que xa traballan os servizos xurídicos municipais, é o rexistro de cada unha das parcelas a nome do Concello e a súa posterior inscrición no Rexistro da Propiedade de Cambados tras a agrupación de toda a superficie nunha única leira. Un trámite para o que tamén é necesaria unha partida orzamentaria da que dispón o goberno local.
Relacionadas:
-
Os afectados do Revel cobran as cantidades fixadas polo tribunal de expropiación
Por Redacción |
-
O Concello abonará as expropiacións do Revel o día 15
Por Redacción |
-
Sanxenxo poñerá a disposición da Xunta os terreos do Revel en outubro
Por Redacción |
-
Telmo Martín critica a "ineficacia" do goberno local de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
Axilizar a construción do colexio do Revel, prioridade para o goberno local
Por Redacción |