Concello e Colexio de Dentistas asinan un convenio en beneficio dos usuarios dos servizos sociais
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra e o Colexio Oficial de Dentistas da XI Rexión (Pontevedra e Ourense) asinaron este venres un convenio de colaboración co fin de aplicar tarifas fixas de asistencia odontolóxica ás persoas derivadas dende a área de Benestar Social Municipal.
O protocolo foi asinado este venres pola alcaldesa accidental, Carme da Silva e o presidente do colexio profesional, Segundo Eduardo Rodriguez Gandío.
Até o momento Benestar Social outorgaba cada ano axudas de emerxencia para arranxos e tratamentos bucodentais. Os demandantes das axudas tiñan que presentar orzamentos de clínicas ou profesionais para xustificar a solicitude dándose o caso de que para intervencións similares presentábanse orzamentos moi dispares.
O convenio define tarifas fixas e axustadas que o Concello asumirá no caso dos posibles beneficiarios de axudas de emerxencia. O resto dos usuarios dos servizos sociais terán que asumir o pago destes prezos reducidos. En todos os casos, para acollerse á axuda, os pacientes terán que contar cun informe acreditativo da Concellería de Benestar Social.
A alcaldesa accidental Carme da Silva subliñou a importancia do acordo porque "trátase de dar a atención bucodental ás persoas que o precisan con todas as garantías sanitarias e prestixiando aos profesionais".
Pola súa banda o presidente do colexio, Segundo Eduardo Rodríguez Grandío quixo pór en valor o compromiso social da entidade e anunciou que o Colexio de Dentistas pretende que o protocolo co Concello de Pontevedra sexa un exemplo para outros concellos e deputacións.
O convenio asinado ten unha vixencia de dous anos e é susceptible de prórrogas anuais até un máximo de catro anos. A adscrición dos profesionais colexiados a este acordo é voluntaria.